Share
Google+LinkedInPinterest

41 establecementos participarán no concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera

O Concello de Ourense organiza unha nova edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, que se desenvolverá desde o día 23 de maio até o 2 de xuño na cidade. Esta mañá, no salón do plenos tivo lugar a presentación do certame, nun acto ao que asistiron a concelleira de Turismo, Noa Rouco, o presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense, Javier Outomuro e representantes das empresas e entidades colaboradoras (Asociación de Celíacos de Galicia, CRDO Ribeiro, Aceites Abril, Hijos de Rivera, Coren e Grupo Cuevas).

Participan nesta edición un total de 41 establecementos repartidos por toda a cidade, que ofrecerán pinchos con tema e ingredientes libres, a un prezo de entre 2,50 e 3,50 euros. Catorce dos establecementos participarán na categoría de Pincho Celíaco e serán asesorados pola Asociación de Celíacos de Galicia. Aínda que a Zona Histórica segue a ser a parte da cidade na que se sitúan a maioría dos participantes, O Couto emerxe como alternativa con 4 locais no concurso. En tendencias culinarias, o porco segue a ser o ingrediente estrela, aínda que tamén se ofrecerán propostas que se decantan polos ovos de paspallás, os afumados, os queixos ou o peixe.

A final profesional do concurso celebrarase o día 10 de xuño pola tarde no Centro Comercial Ponte Vella, nun acto aberto ao público xeral. Un xurado de aproximación que visitará todos os locais durante o concurso escollerá os 8 pinchos finalistas. Estes cociñaranse durante a final ante un xurado profesional, formado por persoas recoñecidas e especialistas do sector da hostalaría ou gastronomía, que os degustará e concederá os seus premios.

Os premios do concurso serán un ano máis os seguintes:

1º, 2º e 3º premio do Xurado Profesional
1 accésit do Xurado Profesional ao pincho máis creativo
1 premio do Público
1 premio Pincho Celíaco

O público decidirá o seu premio cubrindo as papeletas de votación con 3 selos de 3 establecementos distintos co nome do seu pincho favorito, de xeito que o gañador será o que reciba máis votos. Cada papeleta válida entrará nun sorteo no que optará a multitude de agasallos, máis que na pasada edición. Entre os premios que se repartirán entre os votantes haberá estancias en Paradores ou nos balnearios de Caldaria, paletas ibéricas, lotes de queixos, viños, ceas para dúas persoas, tratamentos de beleza etc.

Como novidade, o folleto do concurso deste ano inclúe, ademais dun mapa físico, un código QR cunha ligazón a Google Maps que levará a un mapa onde están situados todos os establecementos participantes, coa finalidade de facilitar a mobilidade entre eles, sobre todo para as persoas de fóra de Ourense.

O acto de presentación contou coa asistencia de Noa Rouco, concelleira de Turismo e Xestión Termal de Ourense, Javier Outumuro, presidente da UHO, Jose Antonio González Gallego, membro da UHO, Patricia Fernández, coordinadora designada pola UHO, Laura Mójica, representante de Aceites Abril, José Luís Rodríguez Fernández, delegado de zona de Hijos de Rivera, Javier Fernández Paz, responsable de Horeca de Coren, Erika Domínguez Laiño, directora de promoción do CRDO Ribeiro e Nuria Colmenero, da Asociación Celíacos de Galicia.