Share
Google+LinkedInPinterest

A mellor tapa de Galicia, en Ourense

Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel, alzouse co Premio do Xurado Profesional na Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, o concurso de petiscos das sete cidade galegas que desde hai 3 anos convoca Turismo de Galicia.

A súa receita «Vieira de outono» foi recoñecida polo xurado profesional, un panel de expertos formado por Cesáreo González Pardal, secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia; Belén do Campo Piñeiro, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro gañador en 2016 do Premio do Público.

Desde que arrancou esta iniciativa, a tradición é que o cociñeiro gañador do certame Sabores de Ourense na súa edición outonal represente a cidade das Burgas. Nesta ocasión, a «Vieira de outono» acadara o galardón do xurado profesional no concurso de outono de 2016, unha preparación na que o elemento central, a vieira empanada, disponse sobre un camiño de millo, iuca frita, sofrito de cogomelos e castaña e crocantes de boletus e folla de figueira. Os sabores escuros do outono refréscanse cunhas esferificacións de iogur picante, e o prato adórnase con brotes cultivados na casa.

Miguel Gonzaléz Quintela, chef do Gastrobar Sanmiguel, formouse na Escola de Hostalería de Vilamarín. O seu percorrido profesional levouno a San Sebastián, onde traballou no Restaurante Akelarre, e compartiu espazo xunto a cociñeiros como Karlos Arguiñano, Javier González e incluso en Francia co chef Jacques Maximin. Rematado este periplo, González decidiu voltar ás súas orixes. O seu local, na rúa do mesmo nome, foi unha aposta arriscada para retomar a singladura dun dos restaurantes máis emblemáticos da cidade das Burgas.