Entregados os premios aos gañadores do 12º Concurso Sabores de Ourense
Esta mañá no salón de plenos do Concello tivo lugar a entrega dos premios do XII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, que se desenvolveu do 7 ao 17 de novembro na cidade, organizado pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e executada pola Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO). A concelleira de Turismo, Flora Moure, a edil de Comercio, María Dibuja e o representante da UHO, José Antonio González, entregaron os galardóns aos locais elixidos nas diferentes categorías:
Premios do xurado profesional. O xurado estivo composto por Jose Luis Oliveira (fotógrafo e blogueiro gastronómico), Jose Manuel García (xornalista e director do programa radiofónico Comer e Falar , Juan Manuel Casares Gándara, (presidente do C.R.D.O. Ribeiro) e María José Rodríguez e Óscar Vaz (Escola de Hostelería de Vilamarín). O xurado, que estivo acompañado pola edil de Turismo, Flora Moure,votou as propostas dos establecementos finalistas: A Feiriña, Adega das Caldas, Bodegón Antiga Leitería, O Comellón, Casa de María Andrea, Glabistró, Taberna O Enxebre, A Casa do Pulpo, La Estación de Loman e Sanmiguel.
-
1º Premio: Bodegón Antiga Leitería polo pincho Sugus de Outono
-
2º Premio: Glabistró polo pincho A castaña e o seu zurrón
-
3º Premio: A Feiriña, polo pincho Souto das Táboas
Premio do Público, que achegou un total de 1690 papeletas válida, que supoñen un mínimo de 5070 pinchos contabilizados
-
1º Premio: A Casita do Pulpo polo pincho Donald Bao (182 votos)
-
2º Premio: Glabistrô polo pincho A castaña e o seu zurrón (130 votos)
-
3º Premio: Restaurante Gastrobar Sanmiguel polo pincho O capricho de San Martiño (110 votos)
Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia.
-
La Estación de Loman polo seu pincho Ribeira Sacra
Premio da App #SaboresdeOurense
-
Antea polo seu pincho Outoniño