Share
Google+LinkedInPinterest

41 establecementos participarán no concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera

O Concello de Ourense organiza unha nova edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, que se desenvolverá desde o día 23 de maio até o 2 de xuño na cidade. Esta mañá, no salón do plenos tivo lugar a presentación do certame, nun acto ao que asistiron a concelleira de Turismo, Noa Rouco, o presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense, Javier Outomuro e representantes das empresas e entidades colaboradoras (Asociación de Celíacos de Galicia, CRDO Ribeiro, Aceites Abril, Hijos de Rivera, Coren e Grupo Cuevas).

Participan nesta edición un total de 41 establecementos repartidos por toda a cidade, que ofrecerán pinchos con tema e ingredientes libres, a un prezo de entre 2,50 e 3,50 euros. Catorce dos establecementos participarán na categoría de Pincho Celíaco e serán asesorados pola Asociación de Celíacos de Galicia. Aínda que a Zona Histórica segue a ser a parte da cidade na que se sitúan a maioría dos participantes, O Couto emerxe como alternativa con 4 locais no concurso. En tendencias culinarias, o porco segue a ser o ingrediente estrela, aínda que tamén se ofrecerán propostas que se decantan polos ovos de paspallás, os afumados, os queixos ou o peixe.

A final profesional do concurso celebrarase o día 10 de xuño pola tarde no Centro Comercial Ponte Vella, nun acto aberto ao público xeral. Un xurado de aproximación que visitará todos os locais durante o concurso escollerá os 8 pinchos finalistas. Estes cociñaranse durante a final ante un xurado profesional, formado por persoas recoñecidas e especialistas do sector da hostalaría ou gastronomía, que os degustará e concederá os seus premios.

Os premios do concurso serán un ano máis os seguintes:

1º, 2º e 3º premio do Xurado Profesional
1 accésit do Xurado Profesional ao pincho máis creativo
1 premio do Público
1 premio Pincho Celíaco

O público decidirá o seu premio cubrindo as papeletas de votación con 3 selos de 3 establecementos distintos co nome do seu pincho favorito, de xeito que o gañador será o que reciba máis votos. Cada papeleta válida entrará nun sorteo no que optará a multitude de agasallos, máis que na pasada edición. Entre os premios que se repartirán entre os votantes haberá estancias en Paradores ou nos balnearios de Caldaria, paletas ibéricas, lotes de queixos, viños, ceas para dúas persoas, tratamentos de beleza etc.

Como novidade, o folleto do concurso deste ano inclúe, ademais dun mapa físico, un código QR cunha ligazón a Google Maps que levará a un mapa onde están situados todos os establecementos participantes, coa finalidade de facilitar a mobilidade entre eles, sobre todo para as persoas de fóra de Ourense.

O acto de presentación contou coa asistencia de Noa Rouco, concelleira de Turismo e Xestión Termal de Ourense, Javier Outumuro, presidente da UHO, Jose Antonio González Gallego, membro da UHO, Patricia Fernández, coordinadora designada pola UHO, Laura Mójica, representante de Aceites Abril, José Luís Rodríguez Fernández, delegado de zona de Hijos de Rivera, Javier Fernández Paz, responsable de Horeca de Coren, Erika Domínguez Laiño, directora de promoción do CRDO Ribeiro e Nuria Colmenero, da Asociación Celíacos de Galicia.

Share
Google+LinkedInPinterest

O Concello organiza unha nova edición do concurso de pinchos Sabores de Ourense

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Turismo e Termalismo, organiza unha nova edición do concurso “Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera”, que se desenvolverá desde o día 23 de maio até o 2 de xuño na cidade, coa finalidade de dar a coñecer a riqueza gastronómica da cidade e as distintas propostas dos establecementos hostaleiros entre a veciñanza e tamén entre as persoas que visitan Ourense.

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do 12 de abril as bases reguladoras do certame, no que poderán participar os establecementos hostaleiros de Ourense que ofrezan habitualmente pinchos á súa clientela. Deberán inscribirse até o día 23 de abril, enchendo un FORMULARIO DE INSCRICIÓN, e poderán presentar un pincho por local, libre en deseño e ingredientes. O certame outorgará 3 premios por parte dun xurado profesional, ademais dun accésit ao más creativo, un premio que concederá o Público e un premio ao mellor Pincho Celíaco.

Share
Google+LinkedInPinterest

As propostas premiadas no Sabores de Ourense poderán seguir degustándose un mes máis

A sétima edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera rematou esta mañá coa entrega dos diplomas aos hostaleiros responsables das mellores propostas. Porén, as súas creacións poderán seguir desfrutándose nos locais correspondentes durante un mes máis ou, nalgún caso, incorporaranse á carta fixa do establecemento. Así o anunciaron esta mañá, no salón de plenos, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO), Javier Outomuro.

O representante dos hostaleiros felicitou a organización polo desenvolvemento do concurso, o que máis locais convocou de todos os que se celebran en Galicia, e agradeceu a implicación do Concello de Ourense.

O xurado, composto polos cociñeiros Iñaki Bretal, Antonio Botana e Rut Nieves, profesora na Escola de Hostalaría e Turismo IES Vilamarín, concedeu os seguintes premios.

1º premio: Portovello, polo pincho A terma
2º premio: Fuentefría, polo pincho Fume de mar
3º premio: Bágoa Gastrobar, polo pincho Entre foliada e foliada
Accésit ao pincho máis creativo: Portovello, polo pincho A terma
Premio do Público: La zapatería del abuelo, polo pincho Ouren-masala (120 votos).
A responsable do local levou, ademais, o premio do seu peso en cervexa.
Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia: Portovello, polo pincho A terma

Share
Google+LinkedInPinterest

Portovello obtén o primeiro premio do Xurado Profesional no Concurso de Pinchos

Os 8 finalistas cociñaron os seus pinchos na gran final no Centro comercial Ponte Vella, diante do xurado e do público / La Zapatería del abuelo obtivo o premio do público por “Ouren-Masala”

Portovello é o gañador do premio do xurado profesional do VII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, organizado polo Concello de Ourense e desenvolvido pola Unión de Hostaleiros de Ourense. Esta tarde, no centro comercial Ponte Vella, tivo lugar a final, na que os 8 finalistas cociñaron as súas propostas diante do xurado profesional e do público.

O xurado estivo composto por Iñaki Bretal (restaurante O Eirado da Leña, Pontevedra, 1 estrela Michelín e membro do Grupo Nove), Antonio Botana (restaurante Ramonita, Ribadeo, e membro do Grupo Nove), e Rut Nieves Fernández, profesora técnica de servizos en restauración da Escola de Hostelería de Vilamarín.

O xurado votou as propostas dos establecementos finalistas: Portovello, La Estación de Loman, Restaurante Candem, Asador A Feira, La zapatería del abuelo, Fuentefría, Bágoa Gastrobar e Taberna de Perico. Logo da súa deliberación, concedeu os seguintes premios:

1º Premio: Portovello, polo seu pincho “A terma”

2º Premio: Fuentefría, polo seu pincho “Fume do mar”

3º Premio: Bágoa Gastrobar, polo seu pincho “Entre foliada e foliada”

Premio celíaco: Portovello, A terma

Accésit ao pincho máis creativo: Portovello

Premio do público: La Zapatería del abuelo, por “Ouren-Masala”

Os premios do concurso entregaranse mañá, martes, no salón de plenos do Concello.

O VII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera desenvolveuse do 21 de abril ao 1 de maio, contando coa participación de 50 establecementos ourensáns

Share
Google+LinkedInPinterest

Elixidos os gañadores dos Sabores de Ourense 2021 na categoría profesional

 

O xurado profesional do XIII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono reuniuse o 22 de novembro de 2021  no CIFP Santa María de Europa para deliberar os premiados nesta categoría, a primeira que se coñece.
O xurado estivo composto por Héctor López (cociñeiro e propietario do restaurante España, 2 soles Repsol, e membro do Grupo Nove), Javier Rodríguez Ponte “Taky” (cociñeiro do cátering Boketé e membro do Grupo Nove), Jacobo Rodríguez-Hermida Montes (xefe do departamento de hostalería e turismo do IES Vilamarín) e Jesús Lastra García (Docente de hostalería de CIFP Santa María de Europa).

Durante a sesión de votación estiveron tamén acompañados pola concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure, así como do presidente da Unión de Hostaleiros Ourensás (UHO) Javier Outumuro.

O xurado realizou unha degustación e posterior valoraicón dos 8 pinchos finalistas, logo que de un xurado de aproximación realizase, ao longo das dúas últimas semanas, unha selección previa de entre as 37 propopostas a concurso. Os establecementos finalistas foron Casa Cortés, Le Coq, O Lar da Sabela, La Zapatería del Abuelo, Portovello, Restaurante Camden, Cafetería Galaica e Ataraxia.

Logo da súa deliberación, o xurado estableeu o seguitne palmarés:

  • 1º Premio: Portovello polo seu pincho “Magosto”
  • 2º Premio: Cafetería Galaica polo seu pincho “Esmorga de outono
  • 3º Premio: Restaurante Candem polo seu pincho “Tronco de outono”
  • Accésit ao pincho máis creativo: Portovello polo seu pincho “Magosto”
Share
Google+LinkedInPinterest

Entregados os premios aos gañadores do 12º Concurso Sabores de Ourense

Esta mañá no salón de plenos do Concello tivo lugar a entrega dos premios do XII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, que se desenvolveu do 7 ao 17 de novembro na cidade, organizado pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e executada pola Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO). A concelleira de Turismo, Flora Moure, a edil de Comercio, María Dibuja e o representante da UHO, José Antonio González, entregaron os galardóns aos locais elixidos nas diferentes categorías:

Premios do xurado profesional. O xurado estivo composto por Jose Luis Oliveira (fotógrafo e blogueiro gastronómico), Jose Manuel García (xornalista e director do programa radiofónico Comer e Falar , Juan Manuel Casares Gándara, (presidente do C.R.D.O. Ribeiro) e María José Rodríguez e Óscar Vaz (Escola de Hostelería de Vilamarín). O xurado, que estivo acompañado pola edil de Turismo, Flora Moure,votou as propostas dos establecementos finalistas: A Feiriña, Adega das Caldas, Bodegón Antiga Leitería, O Comellón, Casa de María Andrea, Glabistró, Taberna O Enxebre, A Casa do Pulpo, La Estación de Loman e Sanmiguel.

  • 1º Premio: Bodegón Antiga Leitería polo pincho Sugus de Outono

  • 2º Premio: Glabistró polo pincho A castaña e o seu zurrón

  • 3º Premio: A Feiriña, polo pincho Souto das Táboas

Premio do Público, que achegou un total de 1690 papeletas válida, que supoñen un mínimo de 5070 pinchos contabilizados

  • 1º Premio: A Casita do Pulpo polo pincho Donald Bao (182 votos)

  • 2º Premio: Glabistrô polo pincho A castaña e o seu zurrón (130 votos)

  • 3º Premio: Restaurante Gastrobar Sanmiguel polo pincho O capricho de San Martiño (110 votos)

Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia.

  • La Estación de Loman polo seu pincho Ribeira Sacra

Premio da App #SaboresdeOurense

  • Antea polo seu pincho Outoniño

Share
Google+LinkedInPinterest

Resumo de actividades Sabor de Maio 2018

Os días 9 e 10 de maio os Sabores de Ourense trasladáronse ao Centro Comercial Ponte Vella para a celebración das actividades programadas nas xornadas gastronómicas de Sabor de Maio.

O día 9 puidemos participar nunha cata comentada de varios caldos das adegas do grupo Reboreda Morgadío, Adegas Melilla e Adegas Santa Marta, todo isto acompañado por unha degustación de queixos de Queserías Lomba.

O día 10 foi o o turno do showcooking “a 6 mans”, que reuniu a dous cociñeiros de sona como son Diego López, do restaurante La Molinera (Lalín) e Marco Varela, do Restaurante  Sábrego(Casal de Armán), acompañados polos cócteles de Guillermo González, do Cocktail Bar  Moon93. Da man destes  tres profesionais gozamos dunha tarde de auténtica creatividade culinaria e sabores moi primaverais, frores incluidas.

[layerslider id=”14″]

Share
Google+LinkedInPinterest

Gran Final – Outono 2017

A partir das 11.00 horas, no Restaurante El Coto (Reza, 11) estades convidados a participar dunha xornada moi especial adicada a un dos produtos gastronómicos máis interesantes e máis apetitoso do outono, os cogomelos.

  • 11.00 h – Showcooking «Sabores de Ourense e cogomelos», cos cociñeiros Jesús Prieto Marquiegui e Jesús Prieto Serrano, de Restaurante Serrano, Astorga.
  • 12.30 h – Mesa redonda  «Cogomelos por Ourense»:
    • Modera: Javier Outomuro, de Restaurante A Taberna de Ourense. Presidente da UHO
    • Participan:
      • Jesús Prieto Marquiegui e Jesús Prieto Serrano – Restaurante Serrano (Astorga)
      • Restaurante Arume (Barcelona), concursante do programa Top Chef.
      • Manuel Domínguez – Restaurante Lúa (Madrid)
      • Daniel López – Restaurante O Camiño do Inglés (Ferrol). Gañador do V Campeonato de España Tapas para Gourmets.
  • 13.00 h – Viño e Sesión de Networking

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, dará comezo, no mesmo Restaurante El Coto,  a degustación a cargo do xurado profesional para elixir os gañadores desta 10º edición. Moita sorte aos participantes!

+ info en gerencia@uhou.es

Share
Google+LinkedInPinterest

A mellor tapa de Galicia, en Ourense

Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel, alzouse co Premio do Xurado Profesional na Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, o concurso de petiscos das sete cidade galegas que desde hai 3 anos convoca Turismo de Galicia.

A súa receita «Vieira de outono» foi recoñecida polo xurado profesional, un panel de expertos formado por Cesáreo González Pardal, secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia; Belén do Campo Piñeiro, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro gañador en 2016 do Premio do Público.

Desde que arrancou esta iniciativa, a tradición é que o cociñeiro gañador do certame Sabores de Ourense na súa edición outonal represente a cidade das Burgas. Nesta ocasión, a «Vieira de outono» acadara o galardón do xurado profesional no concurso de outono de 2016, unha preparación na que o elemento central, a vieira empanada, disponse sobre un camiño de millo, iuca frita, sofrito de cogomelos e castaña e crocantes de boletus e folla de figueira. Os sabores escuros do outono refréscanse cunhas esferificacións de iogur picante, e o prato adórnase con brotes cultivados na casa.

Miguel Gonzaléz Quintela, chef do Gastrobar Sanmiguel, formouse na Escola de Hostalería de Vilamarín. O seu percorrido profesional levouno a San Sebastián, onde traballou no Restaurante Akelarre, e compartiu espazo xunto a cociñeiros como Karlos Arguiñano, Javier González e incluso en Francia co chef Jacques Maximin. Rematado este periplo, González decidiu voltar ás súas orixes. O seu local, na rúa do mesmo nome, foi unha aposta arriscada para retomar a singladura dun dos restaurantes máis emblemáticos da cidade das Burgas.

 

Share
Google+LinkedInPinterest

Aberto o prazo de inscripción no concurso de pinchos Primavera 2017

Unha nova edición do Concurso de Pinchos Sabores de Ourense está xa en preparación. Organizado conxuntamente pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), esta 6ª edición desenvolveráse do 27 de abril ao 7 de maio, coincidindo coa celebración dos Maios, Festa de Interese Turístico.

Como cada primavera, o requisito imprescindible para participar é que os pinchos estean elaborados con materias primas frescas e de tempada, de produción integrada ou ecolóxica, buscando potenciar así os produtos locais. O importe máximo dos pinchos será 2,50 €: prezos populares ao alcance de todos os petos.

O prazo para os establecementos que queiran participar xa está aberto. Teñen ata o 3 de abril para inscribirse, aportando o formulario  de inscrición debidamente cuberto e un xustificante de pagamento da cota de inscrición, que será de 50 €. Tanto a ficha como as bases do concurso poden descargarse nos seguintes botóns.

 

[button color=”grey” size=”large” link=”http://saboresdeourense.turismodeourense.gal/wp-content/uploads/sites/2/2017/03/bases-sabores-primavera-2017.pdf” target=””] descargar as BASES DO CONCURSO[/button]
[button color=”red” size=”large” link=”http://saboresdeourense.turismodeourense.gal/wp-content/uploads/sites/2/2017/03/ficha-inscrición-sabores-primavera-2017.pdf” target=””] descargar a FICHA DE INSCRICIÓN[/button]